Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta entrega o Premio Manuel Colmeiro de investigación ao profesor de Economía da USC Diego Sande Veiga

A Xunta entrega o Premio Manuel Colmeiro de investigación ao profesor de Economía da USC Diego Sande Veiga

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, entregaron hoxe o galardón da XXVI edición desta distinción, que recoñece traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública galega
  • O gañador foi galardoado polo seu traballo As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, entregaron, esta tarde, o Premio Manuel Colmeiro. Trátase dun galardón creado en 1992 pola Xunta de Galicia, a través da EGAP, para distinguir traballos de investigación que teñen como obxecto a Administración pública de Galicia, e que conta cunha dotación económica de 3.500 euros.

O premiado da XXVI edición foi o profesor do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago Diego Sande Veiga, por un traballo titulado As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico.

Logo de felicitar ao gañador, Miguel Corgos destacou que, o vindeiro ano, o Goberno galego reforzará as medidas de fomento da innovación no tecido empresarial, a través de catro programas para impulsar a innovación en procesos e organización, crear un Ticket Innova para mellorar a capacidade de innovación das pemes, desenvolver unha experiencia piloto cun programa de espazos de dato e contornas colaborativas, onde diferentes organizacións e sectores poidan compartir, intercambiar e utilizar datos de maneira segura, e apoiar o emprendemento co impulso das Business Factories, a rede de aceleradoras de startups.

Nesta mesma liña, o conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou tamén o esforzo que está a facer a Xunta na execución dos recursos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Un esforzo que fai posible que máis de 8.000 autónomos e máis de 5.000 entidades se beneficiasen xa destas partidas.

Pola súa banda, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia deste premio pola súa contribución á promoción e ao impulso dos estudos mutidisciplinares sobre a Administración pública galega. Ademais, resaltou que a vertente investigadora da Escola, reflectida tanto a través deste premio como das publicacións, serve como punto de partida a outros profesionais e investigadores para coñecer con maior profundidade o sector público dende as súas diversas vertentes científicas.  

Sonia Rodríguez-Campos tamén quixo lembrar a figura de Manuel Colmeiro, destacado xurista galego, responsable de importantes achegas tanto ao Dereito Administrativo moderno, como ao Dereito Político e á economía. 

Diego Sande Veiga
A obra premiada, que será obxecto de publicación, trata a problemática da eficiencia na planificación, deseño e implementación das políticas europeas de innovación rexional na Comunidade Autónoma, así como das dificultades na absorción de recursos europeos por parte do tecido produtivo. 

Diego Sande Veiga é membro do grupo de investigación ICEDE (Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento) da Universidade de Santiago e colabora, tamén, co IGADI (Instituto Galego de Documentación Internacional). É membro do consello de redacción da revista Tempo Exterior e realizou estadías en diversas universidades internacionais  ademais de participar en numerosos congresos estatais e internacionais, publicar varios libros e artigos en revistas científicas e técnicas, alén de colaborar con diversos medios de comunicación. 

Tamén é funcionario de carreira en excedencia, douctor en Ciencias Económicas e Empresariais e cursou formación de mestrado e posgrao en diversas áreas coma o desenvolvemento económico e a innovación, comercio e promoción exterior, prevención de riscos ou formación pegagóxica. 

As súas principais liñas de investigación céntranse no estudo do impacto das políticas europeas na innovación rexional, na análise de políticas de innovación medioambiental e tecnoloxías, nas políticas económicas internacionais e noutras políticas públicas. 

No ano 2020, recibiu outro premio a traballos de investigación e académicos sobre o emprego do Concello de Santiago.