A Xunta entrega o Premio Manuel Colmeiro de investigación ao avogado e doutor en dereito pola UDC Jaime Pensado Sande
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, entregou hoxe o galardón da XXVII edición
- O estudo galardoado leva por título O réxime xurídico das indicacións xeográficas galegas
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, fixeron entrega na mañá de hoxe do Premio Manuel Colmeiro. Trátase dun galardón creado para distinguir traballos de investigación que teñen como obxecto a Administración pública de Galicia.
O premiado desta XXVII edición foi o avogado e doutor en Dereito pola Universidade da Coruña (UDC) Jaime Pensado Sande, por un traballo titulado O réxime xurídico das indicacións xeográficas galegas.
Logo de felicitar ao gañador, Miguel Corgos destacou que a obra premiada aborda o réxime xurídico das indicacións xeográficas protexidas galegas desde o seu nacemento ata o marco xurídico de reparto de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma, afectado pola recente entrada en vigor da nova lei galega da calidade alimentaria. Esta lei adapta a regulación á numerosa normativa europea aprobada nos últimos anos.
Nesta mesma liña, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que o autor expón os aspectos fundamentais do obxecto de estudo, desde a diferenciación entre figuras que adoitan tratarse como idénticas ou o seu percorrido histórico, ata novidades en materia de organización administrativa.
O premio Manuel Colmeiro
O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que o premio foi creado no ano 1992 para fomentar o esforzo investigador sobre o sector público autonómico, “susceptible de redundar na mellora das estruturas administrativas e do seu funcionamento”.
Ademais, a vertente investigadora da EGAP, reflectida tanto a través deste premio como das publicacións anuais e das revistas científicas editadas dende a propia Escola, serven como punto de partida aos profesionais do eido público e aos investigadores para coñecer e profundar nas Administracións galegas dende tódalas vertentes científicas posibles, aclarou Miguel Corgos.