A Xunta destina preto de 700.000 € aos plans de formación das entidades locais para modernizar a xestión e impulsar uns servizos de calidade máis áxiles e próximos á cidadanía
- As axudas convócanse a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e están destinadas, ademais de aos concellos, a federacións e a asociacións de entidades locais de ámbito autonómico
- A iniciativa reafirma o compromiso do Goberno galego coa procura da mellora continua na prestación de servizos públicos
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) destinará este ano 697.950 euros ao financiamento dos plans de formación das entidades locais, para modernizar a xestión e impulsar uns servizos de calidade máis áxiles e próximos á cidadanía. Así se desprende do informe presentado hoxe no Consello da Xunta pola Consellería de Facenda e Administración Pública.
A iniciativa, dirixida ao persoal ao servizo das entidades locais, inclúe dúas liñas: unha directamente, mediante a convocatoria de actividades recollidas no plan de formación continua da EGAP; e outra indirectamente, mediante a convocatoria de axudas destinadas ao financiamento de plans de formación elaborados polas propias entidades locais galegas, así como federacións ou asociacións de entidades locais de ámbito autonómico.
Así mesmo, e ao igual que en anos anteriores, o parámetro para realizar o reparto dos fondos, tal e como especifica o informe, é o número total de empregados que integran o cadro de persoal da entidade local promotora, no caso dos plans unitarios; ou a suma total do persoal empregado público incluído nos respectivos cadros de persoal das entidades locais, no caso dos plans agrupados.
Tendo en conta a información achegada polas entidades beneficiarias en convocatorias anteriores, cómpre salientar que esta formación incide de xeito máis relevante naqueles colectivos das entidades locais con necesidades formativas específicas debido a que realizan funcións moi especializadas. Este é o caso dos cursos dirixidos á policía local ou ao persoal dos corpos de bombeiros, pero tamén ao persoal con funcións relacionadas co mantemento de infraestruturas ou a xestión de espazos culturais e deportivos, entre outros.
Balance do ano pasado
Esta área de contidos específicos para determinados colectivos foi a que sumou un maior número de actividades en 2024, acadando unha porcentaxe aproximada do 35% da formación total impartida, seguida da formación en áreas transversais de grande importancia no eido local, como a de procedemento administrativo e contratación pública, a administración electrónica e intelixencia artificial, a igualdade de xénero e violencia de xénero, así como a ordenación urbanística e litoral.
A convocatoria destas axudas permitiulles ás entidades locais galegas impartir o ano pasado un total de 217 actividades formativas, as cales supuxeron unha carga lectiva de 6.258 horas e nas que participaron 6.875 persoas.
Cómpre salientar que coa adxudicación destas axudas o Goberno galego reafirma o seu compromiso coa procura da mellora continua na prestación dos servizos públicos galegos.