A Xunta destaca o avance na execución dos Fondos MRR, pese á falta de cogobernanza na xestión do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública responde en sede parlamentaria a unha pregunta sobre a gobernanza do PRTR
- Miguel Corgos afirma que a rixidez das convocatorias de subvencións provoca ineficiencias ao limitar a súa marxe de adaptación ao territorio
- Pide, así mesmo, a unificación e homoxeneización de criterios para todos os investimentos do Plan, con independencia do Ministerio ao que estean asignados
- Pese a todos os atrancos, o importe adxudicado por Galicia supera os 1.265 millóns de euros, o 77% do importe dispoñible
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025.- A Xunta destaca o avance na execución dos fondos MRR, pese á falta de cogobernanza na xestión dos Fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), cun importe adxudicado por Galicia que supera os 1.265 millóns de euros, o 77% do importe ingresado. Incluso os datos do Ministerio de Economía confirman que a taxa de resolución de Galicia, sen as entidades locais, segue a ser a segunda máis alta en España.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, respondeu hoxe en sede parlamentaria unha pregunta sobre a gobernanza dos PRTR, onde explicou que a rixidez das convocatorias de subvencións provoca “ineficiencias”, ao limitar a súa marxe de adaptación ao territorio.
Corgos deu varios exemplos desta ineficiencia, como a creación de prazas públicas en escolas infantís, que non obtivo a demanda que se pretendía, porque a Xunta facilita xa unha elevada cobertura e o que Galicia precisa neste momento é mellorar as infraestruturas existentes. Algo semellante pasou coas subvencións para mellorar infraestruturas de telecomunicación en edificios, que só recibiron dúas solicitudes polo xeito en que estaba deseñada a axuda, o mesmo que coas axudas para a emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables.
O conselleiro de Facenda explicou que estes problemas derívanse dunha planificación e deseño das medidas centralizada, que non contou en ningún momento co consenso das Comunidades Autónomas, que son as que mellor coñecen as casuísticas nos seus territorios.
Para Miguel Corgos, outro dos problemas na xestión dos fondos do PRTR é a diversidade de directrices que seguen os distintos Ministerios que dificultan a execución e seguimento dos mesmos por parte das CC.AA., polo que pediu a súa “unificación e homoxeneización”.
Unha dificultade engadida detectada pola Xunta é a escaseza de tempo para executar os fondos asignados, ao carecer dun escenario plurianual que permita coñecer con antelación os fondos dos que vai dispoñer cada comunidade.