Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta destaca o avance na execución dos Fondos MRR a un ano do cumprimento dos fitos e obxectivos do Plan de Recuperación

A Xunta destaca o avance na execución dos Fondos MRR a un ano do cumprimento dos fitos e obxectivos do Plan de Recuperación

  • O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, participa en Barcelona na xornada Next Generation, Execución e Control dos Fondos Europeos
  • Advirte dos riscos da centralización dos fondos, que dificulta que cheguen onde son máis necesarios

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025.- A Xunta destaca o avance na execución dos fondos MRR, cando falta pouco máis dun ano para o cumprimento dos fitos e obxectivos establecidos no Plan de Recuperación. A pesar da falta de cogobernanza na xestión destes fondos, o importe adxudicado por Galicia a 31 de marzo supera os 1.265 millóns de euros, o 77% do importe ingresado.

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío Tobar, participa hoxe en Barcelona na xornada Next Generation, Execución e Control dos Fondos Europeos, nunha mesa de debate sobre a experiencia da xestión descentralizada e o control dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
 
Ángel Tarrío puxo de manifesto que o deseño centralista do Plan de Recuperación impediu unha cogobernanza real coas Comunidades Autónomas na planificación e deseño das inversións contempladas no Plan. Deste xeito, o papel das CC.AA. está limitado a executar os fondos asignados en proxectos definidos e pechados polos respectivos ministerios, sen ter en conta as necesidades de cada territorio, cando son as comunidades as que mellor as coñecen. Isto acaba provocando falta de eficiencia, ao restrinxir a súa marxe de adaptación ao territorio.

Aprender das dificultades previas
Para Ángel Tarrío o novo modelo de financiamento vai supoñer para os fondos europeos post 2027 unha nova forma de afrontar o deseño e execución dos programas. E instou a aproveitar a aprendizaxe adquirida coa xestión de fondos MRR, potenciando os aspectos positivos e propoñendo solucións alternativas ás múltiples dificultades durante a súa execución. 

Tarrío lembrou que o MRR foi a primeira experiencia europea de financiamento non vinculado a custos. Nese sentido, explicou, supuxo un esforzo extra de capacitación administrativa para o persoal que se ocupa da xestión de fondos europeos e obrigou a reformular estruturas administrativas de maneira temporal. 

O director xeral de Fondos insistiu en que deben ser as administracións autonómicas as que participen no deseño e xestión das medidas a financiar cos futuros fondos, para atender ás necesidades territoriais propias. Tarrío puxo como exemplo os bos resultados dos fondos de cohesión, que foron determinantes no desenvolvemento económico e social de Galicia, e propuxo un modelo para o futuro marco post 27, no que as rexións estean no centro da planificación e execución dos fondos

Do contrario, subliñou o representante do Goberno galego, podería repetirse a falta de coordinación a nivel estatal e o deseño de proxectos que non responden ás necesidades específicas de cada territorio.