Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta destaca a importancia da formación para cumprir coa normativa nos procesos de contratación pública

A Xunta destaca a importancia da formación para cumprir coa normativa nos procesos de contratación pública

  • A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, clausurou esta mañá a xornada formativa sobre o procedemento do artigo 150 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (LCSD)
  • Na xornada participaron o presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chávez, e o presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal), Tomás Otero Ferreiro, entre outros

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025.- A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe a importancia que ten a formación dos empregados públicos para cumprir coa normativa nos procesos de contratación pública. Fíxoo na clausura da xornada formativa sobre o procedemento do artigo 150 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (LCSD), que se celebrou esta mañá na EGAP, en colaboración coa Comisión Galega da Competencia. 

Sonia Rodríguez-Campos afirmou que a formación “axuda a entender que son as condutas colusorias nos procesos de contratación, como identificar posibles sinais e que medidas tomar para previlas. A capacitación sobre a Lei de Defensa da Competencia, as prácticas colusorias e a importancia da libre competencia son fundamentais para evitar acordos que perxudiquen o libre mercado”. 

A directora da EGAP tamén sinalou que “unha formación axeitada sobre a lexislación, as boas prácticas e as sinais de alerta pode axudar a evitar prácticas anticompetitivas, como a colusión ou o fraude”.

Por último, Sonia Rodríguez-Campos apuntou que “unha contratación pública transparente é fundamental para garantir a igualdade de trato entre os licitadores e evitar a corrupción. A formación do persoal empregado público contribúe a que os procesos de contratación pública realícense de forma clara e accesible, evitando posibles manipulacións e favorecendo a confianza nas institucións”.

Na xornada formativa analizouse o procedemento do artigo 150 da Lei de Contratos do Sector Público e tratáronse outros temas como a contratación pública e a defensa da competencia. Ademais afondouse en casos reais de condutas colusorias presentados ante a Comisión Galega da Competencia.

Nesta actividade formativa participaron o presidente e vogal da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chaves e Daniel Neira Barral, respectivamente. Tamén interveu o subdirector xeral de investigación da Comisión Galega da Competencia, Jesús Lamas Barja, e o presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal), Tomás Otero Ferreiro.