A Xunta conta cun Código ético interno que actualiza periodicamente e que se reforza cun Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude

- O conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse coa fundadora de España Mejor, Miriam González, para coñecer o ‘Código ético del Gobierno’ que elaborou esta entidade
- Miguel Corgos valorou que moitas das propostas feitas por esta organización nesta materia xa están implantadas no Goberno galego a través do seu Código ético
Santiago de Compostela, 20 novembro de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe que a Xunta de Galicia conta cun Código ético institucional que actualiza periodicamente e que está reforzado con instrumentos como o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude ou o Programa marco de integridade institucional.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse, esta mañá, coa fundadora de España Mejor, Miriam González, para coñecer o Código ético del Gobierno que elaborou esta entidade.
Miguel Corgos recordou que o código ético ten como obxectivo establecer pautas preventivas como catálogos de medidas que minimicen riscos de xestión ou de fraude en áreas especialmente sensibles como, por exemplo, contratacións ou subvencións.
O conselleiro valorou o feito de que moitas das propostas feitas por esta organización nesta materia xa están implantadas no Goberno galego a través do seu Código ético, aprobado fai unha década polo Consello da Xunta e publicado no DOG e no Portal de Transparencia e Goberno aberto.