A Xunta avanza na transparencia e na rendición de contas cun informe da súa actividade no ano 2025
- O Consello de Goberno analiza un informe xeral da actividade das distintas consellerías e das entidades instrumentais durante o ano pasado
- Este instrumento de rendición de contas debulla o orzamento xestionado por cada departamento e o seu impacto na vida cotiá dos galegos
- O Portal de Transparencia e Goberno Aberto publicará o documento para consulta de toda a cidadanía
A Xunta avanza no seu obxectivo de transparencia e rendición de contas cun informe no que recolle a actividade das distintas consellerías durante o ano 2025. O Consello de Goberno tivo ocasión de analizar hoxe este documento, presentado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública e que se publicará no Portal de Transparencia e Goberno Aberto para coñecemento da cidadanía.
O informe é un instrumento de rendición de contas que debulla o orzamento xestionado por cada departamento e o seu impacto na vida cotiá dos galegos e que se dá a coñecer previamente á celebración da Semana de Administración Aberta, que este ano terá lugar do 18 ata o 24 de maio.
O documento conta cunha primeira parte na que analiza os datos globais da Xunta no ano 2025, desde o orzamento ata os recursos humanos, pasando polos contratos adxudicados e as subvencións concedidas. E, nunha segunda parte analízase con detalle a actividade da Administración xeral da Xunta e das entidades instrumentais.
O informe dá a coñecer aos cidadáns a actividade realizada o ano pasado por cada unha das consellerías do Goberno galego. En conxunto, o documento sinala que a Xunta de Galicia e as súas entidades instrumentais destinaron máis de 1.100 millóns de euros a apoiar a distintos colectivos e a outros organismos públicos, incluíndo as entidades locais (máis de 290 M€), ás persoas xurídicas e empresas (máis de 590 millóns) e á cidadanía en xeral (máis de 220 M€).
Así mesmo, no 2025, o persoal xestionado pola Xunta de Galicia e as súas entidades ascendeu a 98.627 traballadores e a Administración autonómica asinou un total de 1.976 convenios de colaboración.
Impacto na cidadanía
O informe destaca aqueles aspectos da actividade da Xunta que máis beneficiaron á cidadanía; como por exemplo, que Galicia é a Comunidade con mellor calendario vacinal, ou que duplicou o apoio fiscal ás familias numerosas, que bateu o récord histórico de axudas á conciliación ou que incrementou un 92,4 % a resolución de expedientes de dependencia e de discapacidade con respecto ao ano anterior. Ademais, foron máis de 147.000 nenos e nenas os que tiveron seguro deportivo gratuíto, e o 80 % do alumnado solicitante das bolsas convocadas pola Xunta resultou beneficiario.
Polo que respecta á mocidade, case 20.000 mozas e mozos participaron en actividades de Xuventude e 1.066 foron beneficiarios do Bono Emancípate.
O informe tamén destaca a concesión de 16.129 axudas para alugueiro ou adquisición de vivenda, así como 17.552 vivendas para as que se iniciou o desenvolvemento de solo residencial.
No eido do medio ambiente, subliña que Galicia foi a primeira Comunidade autónoma con maior descenso de emisións de gases de efecto invernadoiro desde 1990, e que no 2025 produciuse un fito histórico co traspaso de competencias no litoral.
O informe tamén pon de manifesto o impacto económico da pesca en Galicia, que no ano 2025 ascendeu a 975 M€, así como o récord na produción de leite galego.
No que se refire á economía, investíronse máis de 18 millóns de euros no Bono Social Térmico, do que se beneficiaron máis de 84.000 persoas. Impulsáronse 25 proxectos industriais estratéxicos e a xeración eléctrica a partir de fontes renovables acadou o 81,8 % do total.
O documento destaca, no referido á Facenda, que a aprobación e execución do orzamento en tempo e forma permite controlar o déficit e a débeda para blindar a solvencia das finanzas públicas. Ademais, reduciuse a débeda pública galega ao 13,9 % do PIB e o período medio de pago aos provedores foi de 19 días, fronte aos 25,21 da media das Comunidades Autónomas.
As boas cifras no sector turístico ou o dinamismo do mercado laboral son outros datos salientables que recolle o documento, onde se subliña tamén que o Diario Oficial de Galicia acadou os 2,4 millóns de novos usuarios.