Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta avanza na execución dos fondos MRR coa adxudicación de 1.265 M€, o 77 % do importe ingresado

A Xunta avanza na execución dos fondos MRR coa adxudicación de 1.265 M€, o 77 % do importe ingresado

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou ao Consello do Goberno galego o informe de execución do MRR correspondente ao primeiro trimestre de 2025
  • Máis de 45.000 persoas, máis de 8.000 autónomos e máis de 5.500 entidades e sociedades se beneficiaron destes fondos

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025.- O importe adxudicado pola Xunta de Galicia dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia acada os 1.265 millóns de euros, o 89% do importe publicado en convocatorias e licitacións e o 77% do ingresado. Así se reflicte no informe que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou ao Consello do Goberno galego referido á execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia correspondente ao primeiro trimestre de 2025.

A boa execución en Galicia tamén a confirman os datos do Ministerio de Economía, que din que a taxa de resolución de Galicia, sen as entidades locais, segue a ser a segunda máis alta en España, 78,4% (15,5 puntos e 12,4 puntos máis que a media das CC.AA. e a AXE, respectivamente), o que pon en valor o traballo que veñen realizando as distintas Consellerías desde o inicio da xestión dos fondos procedentes do MRR na Xunta de Galicia.

Segundo explicou Miguel Corgos no Consello, os ingresos recibidos que a Xunta ten a disposición para a execución do MRR ascenden a 1.631 M€, en ámbitos como a transición verde e transformación dixital, industria, comercio e turismo, protección social e educación ou ciencia e saúde. O prazo de execución destes fondos finaliza no ano 2026.

Ademais, máis de 45.000 persoas físicas, máis de 8.000 autónomos e máis de 5.500 entidades e sociedades se beneficiaron dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia executados polo Goberno galego ata finais do primeiro trimestre de 2025. 

Pola contra, a Xunta lamenta que o Goberno do Estado centralice a xestión dos PERTE, deseñados para o financiamento dos proxectos estratéxicos transformadores de colaboración público privada, non permitindo que as CC.AA. interveñan no deseño e planificación dos proxectos industriais tractores. Hai 12 PERTE aprobados, cun orzamento total de máis de 41.000 M€, pero só se adxudicaron 18.197 M€ (44%). A dotación dos PERTE supón o 25% dos recursos totais do PRTR, incluíndo os recursos adicionais da Addenda de 2023. 

A participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTE é do 5,6% do asignado en toda España (1.023 M€).