Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta asina en Luxemburgo un préstamo co Banco Europeo de Investimentos para financiar as obras do novo CHUAC

A Xunta asina en Luxemburgo un préstamo co Banco Europeo de Investimentos para financiar as obras do novo CHUAC

  • Trátase do segundo e último tramo (160 M€) do empréstito total de 450 M€  para a construción do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
  • O proxecto conta ademais cunha subvención do Fondo de Transición Xusta e recursos propios da Xunta de Galicia
  • Esta infraestrutura sanitaria estratéxica para a Comunidade autónoma galega ampliará a súa capacidade para atender a unha área sanitaria de 550.000 persoas

Luxemburgo, 10 de abril de 2025.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asinou hoxe en Luxemburgo un préstamo co Banco Europeo de Investimentos (BEI) para financiar as obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Trátase do segundo e último tramo, de 160 millóns de euros, que completa o xa asinado a finais do 2023, por 290 millóns de euros para a construción do novo complexo hospitalario.

Miguel Corgos explicou que o Goberno galego “blinda con este crédito o financiamento dun investimento fundamental para o desenvolvemento das infraestruturas sanitarias galegas”. 

Este último treito de financiamento estaba vinculado á obtención da subvención do Fondo de Transición Xusta por importe de preto de 60 millóns de euros, que se suma aos recursos propios da Xunta de Galicia. 

O marco de colaboración financeira entre a Xunta e o BEI supón unha importante inxección de fondos para o desenvolvemento de investimentos na comunidade autónoma.

O Novo CHUAC contará con altos estándares médicos, arquitectónicos e de eficiencia enerxética, referencia nacional para varios tratamentos. Esta infraestrutura sanitaria estratéxica para a Comunidade autónoma galega ampliará a súa capacidade para, unha vez operativo, atender a unha área sanitaria de 550.000 persoas, consolidándose como o centro hospitalario de referencia na área sanitaria da Coruña e reforzando o seu papel como centro médico de investigación.