Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta aproba un acordo marco que permitirá aumentar a capacidade de almacenamento dos datos que xestionan todos os seus sistemas e aplicacións

A Xunta aproba un acordo marco que permitirá aumentar a capacidade de almacenamento dos datos que xestionan todos os seus sistemas e aplicacións

  • O novo equipamento dará resposta ás necesidades derivadas do incremento dos servizos dixitais
  • Redundará nun mellor servizo aos cidadáns, que terán un acceso máis rápido e seguro aos datos 
  • O reforzo desta infraestruturas é fundamental para avanzar en iniciativas como a futura Carpeta cidadá ou as plataformas Territorio intelixente e Agroforestal 

O Consello da Xunta aprobou hoxe un acordo marco para adquirir novo equipamento para o almacenamento dos datos que xeran todos os sistemas e aplicacións da Administración autonómica. O acordo contempla un investimento de ata 23 millóns de euros, que permitirá aumentar a capacidade de almacenamento actual para dar resposta ás necesidades do incremento dos servizos dixitais.

O obxectivo do acordo é modernizar un equipamento clave na xestión e custodia dos datos que manexa a Xunta, mediante a adquisición de  cabinas de almacenamento, discos de alto rendemento ou directores de fibra para que os servidores teñan unha comunicación directa e de moi alta velocidade. Só entre 2022 e 2025 a capacidade de almacenamento da Xunta pasou de 4,8 Petabytes (PB) a 8,3PB. A este acordo marco pódense adherir outras entidades públicas.

Ademais de aumentar a capacidade de almacenamento, o novo sistema proporcionará un acceso rápido e fiable aos datos, unha maior seguridade na súa custodia e unha optimización dos custos e un mellor rendemento das aplicacións o que redundará nun mellor servizo aos cidadáns.

Reforzo para iniciativas crave da dixitalización
Este acordo enmárcase dentro da estratexia da Xunta de Galicia de reforzar a súa infraestrutura tecnolóxica para responder ás necesidades actuais e futuras dunha Administración dixital.

Esta media é fundamental para avanzar en iniciativas en marcha como a creación dun nodo que concentrará nun único punto todos os datos e a información sobre os cidadáns e as súas relacións coa administración. Isto permitirá que, nun futuro, os galegos e galegas poidan consultar a través da Carpeta cidadá da sede electrónica toda a información relativa a eles, independentemente do departamento ou unidade coa que os xestione, e actualizar os seus datos unha soa vez, evitando ter que comunicalo a diferentes departamentos. 

Ademais, a ampliación da capacidade de almacenamento é esencial para dar soporte a outras actuacións que implican a xestión de grandes cantidades de datos como a plataforma Territorio intelixente ou a plataforma Agroforestal, que, en base á sensorización do territorio, permitirán tomar decisións e comprobar os posibles efectos antes de aplicalas, facilitar a xestión da mobilidade ou prestar servizos personalizados para o sector agrícola.