A Xunta aproba un acordo marco para actualizar o software de servidores e escritorio

- Permitirá a necesaria renovación destas licenzas comerciais ante o constante cambio tecnolóxico e o incremento das funcionalidades das plataformas do sector público autonómico
- A Administración autonómica reduciu progresivamente o uso de licenzas comerciais e emprega o software libre no 77% dos postos de traballo e no 75% dos servidores
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024.- O Consello da Xunta aprobou hoxe un acordo marco que permitirá a adquisición e actualización do software de servidor, backoffice e escritorio en diferentes organismos e entidades do sector público autonómico. A licitación deste acordo dará resposta ás necesidades derivadas do constante cambio tecnolóxico e ás melloras nas funcionalidades que afectan a todas as infraestruturas hardware e software do mercado.
O acordo marco permite establecer un importe de máximos, neste caso de ata 18,8 millóns de euros, que se poden executar en función das necesidades a través de contratos derivados durante un prazo de tres anos. Esta fórmula ofrece unha maior flexibilidade e axilidade para poder adaptarse ao crecemento en infraestruturas e plataformas que require a evolución dos servizos e iniciativas dixitais da Administración autonómica.
A Xunta iniciou en 2015 a redución do uso de licenzas comerciais nos postos dos empregados públicos cunha migración progresiva a solucións ofimáticas baseadas en software libre, que actualmente empregan o 77% dos equipos. A presenza das licenzas comerciais limítase, por tanto, ao 23% dos postos de usuario restantes, que o precisan por razóns técnicas e aos postos da Administración de Xustiza por razóns de compatibilidade coas plataformas do Estado. Todo o parque informático do ámbito educativo, sanitario e das aulas e centros de formación para o emprego empregan Libre Office. En canto aos servidores, o 75% empregan sistemas operativos de software libre.
O Goberno galego vén optando desde hai máis dunha década polo software libre como unha solución en proxectos de calado en ámbitos como a educación, coa iniciativa Abalar; a formación pública dixital a través da Rede de CeMIT, e en iniciativas chave da Administración dixital, como o Arquivo Electrónico ou o sistema de Xestión da Rede de Bibliotecas de Galicia.