Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Xunta activa unha liña de préstamos sen xuros para que os concellos de menos de 20.000 habitantes teñan acceso a actuacións financiadas con fondos FEDER

A Xunta activa unha liña de préstamos sen xuros para que os concellos de menos de 20.000 habitantes teñan acceso a actuacións financiadas con fondos FEDER

  • A orde, elaborada pola Consellería de Facenda e Administración Pública, estará dotada con máis de 20 millóns de euros para apoiar ás entidades locais de menor tamaño
  • Os préstamos destínanse á execución de actuacións incluídas nos Plans de Actuación Integrados, un instrumento de planificación municipal que procura o desenvolvemento urbano sostible
  • O procedemento de concesión será por concorrencia non competitiva, por orde de entrada das solicitudes, ata esgotar o crédito

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026.- O Consello da Xunta aprobou hoxe a posta en marcha dunha liña de préstamos sen xuros para que os concellos galegos de menos de 20.000 habitantes teñan acceso a actuacións financiadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

A orde, elaborada pola Consellería de Facenda e Administración Pública, dotada con máis de 20 millóns de euros (20.370.709,33€), ten como finalidade apoiar ás entidades locais de menor tamaño, facilitando o acceso a financiamento público reembolsable en condicións non onerosas para atender a achega municipal esixida, que é do 40 % do custo total da actuación, e garantir a execución efectiva das actuacións financiadas con fondos europeos. 

A liña de préstamos, que se publicará no Diario Oficial de Galicia na primeira semana de setembro, establece un réxime completo de concesións, formalización, seguimento e control das operacións, incorporando mecanismos de garantía que permiten asegurar a devolución das cantidades mediante retención no Fondo de Cooperación Local, conforme á autorización expresa que deberá incluírse no acordo municipal e no correspondente convenio de colaboración.

Plans de Actuación Integrados
Os préstamos destínanse á execución de actuacións incluídas nos Plans de Actuación Integrados (PAI), un instrumento de planificación municipal que procura o desenvolvemento urbano sostible, mellorando a calidade de vida nas cidades desde o punto de visto medio ambiental, económico e social. 

Cada PAI combina diferentes liñas de actuación dentro dun concello, como a transición dixital e a administración electrónica, a transición ecolóxica e a economía circular, a rexeneración urbana de barrios desfavorecidos, ou o patrimonio, a cultura e o turismo sostibles.
O procedemento de concesión será por concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse por orde de entrada no rexistro electrónico, ata esgotar o crédito. 

O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional constitúe un dos principais instrumentos da política da Unión Europea orientado a promover un desenvolvemento económico, social e territorial equilibrado mediante o apio a investimentos con impacto estrutural no territorio.