Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Rede CeMIT xestiona máis de 40.000 horas de formación anuais en competencias dixitais

A Rede CeMIT xestiona máis de 40.000 horas de formación anuais en competencias dixitais

  • O II Encontro de dinamizadores da Rede CeMIT celebrouse hoxe na Cidade da Cultura 
  • O Centro Gaiás Tech converteuse nun espazo informativo, de aprendizaxe e de diálogo aberto no que as persoas responsables das aulas compartiron experiencias e boas prácticas impulsadas desde as aulas CeMIT participantes 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acolleu hoxe o II Encontro de dinamizadores da Rede CeMIT baixo o lema Cara a plena capacitación dixital da sociedade galega, destinado a axentes TIC da Rede CeMIT de toda Galicia. As 93 aulas CeMIT, presentes en 90 concellos de toda Galicia, acollen anualmente máis de 40.000 horas de formación dirixidas ás case 120.000 persoas usuarias. Esta ano planificaron máis de 3.000 actividades dirixidas a máis de 16.000 persoas.

O director da Área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez Quelle, agradeceu ás persoas responsables das aulas CeMIT a súa importante labor na alfabetización e capacitación dixital da cidadanía galega. Sinalou, ademais, que a Rede CeMIT segue a ser un dos instrumentos fundamentais dentro do Plan DigiTalent 2030: Camiña en dixital. Este plan está dirixido a fomentar a igualdade de oportunidades na sociedade dixital e a conformación dunha cidadanía capacitada para utilizar servizos dixitais cada vez máis avanzados.

Así mesmo, como entidade colaboradora, a rede CeMIT está a xogar un papel fundamental na promoción de capacitación para a obtención da certificación dentro do Marco Galego de Competencias Dixitais. 

Na xornada de hoxe presentouse a nova convocatoria dos Premios Axentes TIC, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso e a labor desta figura.  Nesta segunda edición haberá unha nova categoría e máis premios económicos.

Por outra banda, impartíronse dúas sesións formativas coa colaboración do aliado dixital NTT Data sobre metodoloxías innovadoras e recursos para as aulas e sobre intelixencia artificial.