A prestación de servizos financeiros no rural impulsada pola Xunta permitiu realizar xa máis de 480.000 operacións

- Máis de 51.000 persoas están a beneficiarse desta iniciativa que facilita aos concellos do rural caixeiros automáticos e servicios de formación e asistencia financeira
- O Consello da Xunta avaliou hoxe o resultado das actuacións levadas a cabo para incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios nas zonas rurais
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025.- A prestación de servizos financeiros no rural impulsada pola Xunta permitiu que se realizasen xa máis de 480.000 operacións nos caixeiros habilitados pola Administración autonómica, desde a súa posta en marcha no 2022.
Segundo o informe avaliado hoxe polo Consello, máis de 51.000 galegos están a beneficiarse do acceso aos servizos financeiros impulsado polo Goberno autonómico en colaboración cos 41 concellos do rural que, voluntariamente, se quixeron adherir a esta iniciativa. Estes municipios contan cun caixeiro automático operativo e con servizos de formación e asistencia financeira para solucionar calquera dúbida e poder contratar produtos igual que nunha oficina bancaria convencional, así como formación para utilizar tamén os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.
Esta iniciativa fai fronte á problemática que supoñía o acceso aos servizos bancarios no rural, co obxectivo de evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, tivese acceso a servizos financeiros de calidade. Deste xeito, desde que se puxo en marcha, impartíronse 28 actividades formativas en materia financeira e prestáronse 383 servicios de asistencia financeira.
A retirada de efectivo é, con moita diferencia, a operación máis recorrente. Así, segundo o documento, o 80% das operacións realizadas son deste tipo.
Segundo se foron incorporando concellos, a Xunta foi incrementando a prestación dos servicios, ata acadar en 2024 as máis de 17.300 operacións mensuais de media, é dicir, máis de 500 operación diarias.
As entidades locais adheridas á iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e Abanca son: Toques, Lousame, Dodro, Santiso, Vilasantar, Vilarmaior, Aranga, Paderne, Monfero, Dumbría e Coirós na provincia da Coruña; Ribeira de Piquín, Ribas de Sil, Samos e O Páramo na de Lugo; A Arnoia, A Peroxa, A Teixeira, Baltar, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Larouco, Lobeira, Melón, Oimbra, Os Blancos, Petín, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Punxín, Rairiz de Veiga, San Xoán de Río, Taboadela, Toén, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo, na provincia de Ourense.
A Xunta fíxose cargo do financiamento da iniciativa, polo que os concellos acollidos a esta medida non tiveron que realizar ningunha achega económica e só tiveron que ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación que tamén inclúen os acordos.