Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Escola Galega de Administración Pública convocou este ano 48 cursos e máis de 1.100 horas de formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero

A Escola Galega de Administración Pública convocou este ano 48 cursos e máis de 1.100 horas de formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero

  • Ademais de a todo o persoal empregado público da Comunidade, por primeira vez, estes cursos estiveron dirixidos tamén ás persoas traballadoras dos Centros de Información á Muller e aos profesionais de atención directa ás mulleres vítimas de violencia de xénero 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocou ao longo deste ano 48 cursos, que supoñen un total de 2.289 prazas e 1.155 horas de formación, en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero. Así se desprende do informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta sobre a formación da Escola neste eido.

Tal e como precisa o documento, ademais de a todo o persoal empregado público da Comunidade, por primeira vez, estes cursos estiveron dirixidos tamén ás persoas traballadoras dos Centros de Información á Muller (CIM) e ao resto de profesionais que atenden, directa ou indirectamente, ás vítimas de todas as formas de violencia de xénero do Centro de Recuperación integral para Mulleres que sofren Violencia de Xénero (CRI), do Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero (Cemvi), dos centros de acollida integrantes da Rede Galega de Acollemento, das oficinas de Asistencia ás Vítimas do Delito de Galicia, así como ao persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que presta servizos na Secretaría xeral da Igualdade ou nas unidades administrativas de Igualdade das xefaturas territoriais das delegacións da Xunta.

Como principais novidades dos cursos impartidos, cómpre salientar os dirixidos especialmente para garantir os dereitos da comunidade de persoas LGTBI+; o curso enfocado no Protocolo da Xunta de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo; e o curso de atención ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e intervención con persoas en situación de prostitución.

Así mesmo, nas actividades impartidas abordáronse tamén temáticas cruciais como a incidencia das novas tecnoloxías na violencia de xénero, a protección dos menores que sofren esta lacra, as pautas para unha correcta atención psicolóxica e xurídica das vítimas ou as distintas axudas públicas e o autocoidado do propio persoal dos servizos de atención.

O desenvolvemento destes cursos pon de manifesto o compromiso da Xunta en prol da igualdade de mulleres e homes e o importante papel da Escola Galega de Administración Pública na contribución a garantir este fin.

A EGAP dará continuidade o vindeiro ano a esta liña formativa, dada a transcendencia da materia e á alta demanda rexistrada, cun total de 11.750 solicitudes de participación neste 2024.