Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A EGAP reflexiona sobre as responsabilidades das autoridades e empregados públicos e as medidas para favorecer a confianza na rendición de contas

A EGAP reflexiona sobre as responsabilidades das autoridades e empregados públicos e as medidas para favorecer a confianza na rendición de contas

  • A Escola Galega de Administración Pública acolleu, hoxe, a conferencia Responsabilidades de autoridades e empregados públicos, impartida polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero Ortega
  • A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a sesión e destacou a importancia da formación, “xa que esta posibilita que o persoal empregado público aplique as diferentes normativas con rigorosidade”
  • O catedrático Ricardo Rivero sinalou que “en España non hai cultura da responsabilidade política” e apuntou que unha correcta aplicación das regras probatorias favorecería a seguridade xurídica e a confianza na rendición de contas

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta mañá a conferencia Responsabilidades de autoridades e empregados públicos, a cargo do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero Ortega. Esta actividade formativa encádrase no ciclo de conferencias Presente e futuro do emprego público na Administración posCOVID, organizado pola Escola. 

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a conferencia e incidiu na importancia da formación, xa que esta posibilita que o persoal empregado público conte coa capacitación necesaria para aplicar as diferentes normativas con rigorosidade.

Durante a súa intervención, o catedrático Ricardo Rivero Ortega analizou os catro tipos de responsabilidade persoal de carácter subxectivo das autoridades e empregados públicos: administrativa, contable, disciplinaria e penal, e como probar a concurrencia ou non do dolo ou neglixencia grave. Tamén profundou nas sentenzas máis recentes do Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, con especial énfase nas que interpretan condutas de tipo penal como a prevaricación ou a malversación dos cargos públicos. 

O profesor apuntou que todas as responsabilidades personais dos servidores públicos deberían refomularse en clave de prevención da arbitrariedade e coordinarse para lograr o obxectivo da prevención das condutas. “En España, non hai cultura da responsabilidade política nin autocontrol por parte dos partidos políticos. Ser autoridade hoxe en día na Administración é un deporte de risco cun gran grao de insconsciencia”, apuntou.

Ante o panorama de inseguridade xurídica, regulación dispersa e descoordenada de responsabilidades múltiples e falta de efectividade das medidas de control de autoridades e funcionarios, o catedrático palentino propuxo establecer un código básico de responsabilidades personais, aplicar medidas preventivas claras (formación, recrutamento serio dos empregados públicos, etc.) e, especialmente, aproveitar a rastrexabilidade do expediente electrónico para identificar responsabilidades e responsables e comprender o alcance das condutas.

“Contra a manipulación política dos procesos e tamén fronte a impunidade, unha correcta aplicación das regras probatorias favorecería a seguridade xurídica e a confianza na rendición de contas”, sinalou Ricardo Rivero. 

O profesor da Universidade de Salamanca explicou ademais as técnicas de prevención dos erros que poden dar lugar a responsabilidades e os mecanismos procedimentais de proba da legalidade ou ilegalidade das decisións. “Estes coñecementos son necesarios para evitar situacións de parálise institucional, traslado de responsabilidades ou medo á firma, así como para promover a boa administración en todos os niveis de goberno”. 

Obxectivo
O obxectivo desta conferencia foi analizar as distintas clases de responsabilidades nas que poden incorrer as autoridades e empregados públicos, ademais de dotalos dos coñecementos e capacidades para previr infraccións.

A complexidade dos tipos penais, as sancións disciplinarias, administrativas ou as de tipo contable expuxórense durante a sesión para axudar a diferenciar cando e como se actúa correctamente e que condutas comportan riscos.