A EGAP reflexiona nun webinario sobre a necesidade de reformar a normativa da distribución dos riscos na execución dos contratos públicos
- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta mañá o webinario O reparto de riscos na execución dos contratos das Administracións públicas e demais entidades do sector público
- A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a sesión formativa impartida polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid, Germán Fernández Farreres, que reclamou unha reforma da actual normativa
- O webinario encádrase no Ciclo de conferencias Cuestións de actualidade no ámbito da Administración pública, da súa organización e do seu funcionamento
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu, esta mañá, o webinario O reparto de riscos na execución dos contratos das Administracións públicas e demais entidades do sector público. Esta acción formativa encádrase no Ciclo de conferencias Cuestións de actualidade no ámbito da Administración pública, da súa organización e do seu funcionamento.
A directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, clausurou a sesión impartida polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid, Germán Fernández Farreres, e nel participaron preto de oitenta empregados públicos a través da modalidade de telepresenza.
No webinario, de dúas horas de duración, analizouse a vixente regulación da distribución de riscos na execución dos contratos administrativos e demáis contratos públicos suxeitos á vixente Lei de contratos do sector público de 2017. Tamén profundouse, de maneira destacada, na xurisprudencia do Tribunal Supremo que, en aplicación desta normativa, foi sucedendo ao longo de máis de cincuenta anos.
Durante o webinario, o catedrático sinalou que “é necesario reflexionar sobre as deficiencias da regulación vixente e a conveniencia de dar paso a unha normativa máis rigorosa e precisa das posibles excepcións ao tradicional principio de risco e ventura do contratista. Con isto, dotaríase ao sistema de maiores garantías, estabilidade e seguridade xurídica”, apuntou.
O profesor indicou que a vixente regulación legal dos riscos na execución dos contratos administrativos necesita dunha ampla reforma “xa que resulta insuficiente e presenta algunhas deficiencias”.
Na súa exposición, manifestou que a necesidade dunha reforma vén reiterándose ao longo do tempo, pero as sucesivas leis de contratos de 2007 e 2017 non prestaron a atención que obxectivamente reclama e limitáronse a reproducir, con lixeiros cambios, as mesmas regras e manter os mesmos defectos e insuficiencias da actual regulamentación.
Para concluir, Germán Fernández Farreres apuntou que a reforma da actual normativa “facilitaría a superación dunha xurisprudencia que apela a principios xerais (boa fe, a equidade, a continuidade do servizo, o enriquecemento inxusto, etc.) para determinar a quen debe imputarse o risco á hora de resolver as controversias entre as partes contratantes e que, cando se materializa, provoca unha maior onerosidade no cumprimento dos contratos públicos”.