Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A EGAP organiza un webinario para analizar a situación e o réxime xurídico do funcionario interino

A EGAP organiza un webinario para analizar a situación e o réxime xurídico do funcionario interino

  • A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe o webinario O persoal funcionario interino: entre a xurisprudencia europea e a xurisprudencia dos tribunais españois cunha participación dun cento de empregados públicos
  • A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a sesión impartida polo catedrático de Dereito Administrativo da UNED, Jesús Ángel Fuentetaja Pastor, a través da modalidade de telepresenza
  • O webinario encádrase no Ciclo de conferencias Presente e futuro do emprego público na Administración pos-Covid organizado pola Escola

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta mañá o webinario O persoal funcionario interino: entre a xurisprudencia europea e a xurisprudencia dos tribunais españois. Esta acción formativa encádrase no Ciclo de conferencias Presente e futuro do emprego público na Administración pos-COVID organizado pola Escola.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a sesión impartida polo catedrático de Dereito Administrativo da UNED, Jesús Ángel Fuentetaja Pastor, e nel participaron un cento de empregados públicos a través da modalidade de telepresenza.

No webinario analizouse o réxime xurídico do persoal funcionario interino a partir, por unha banda, da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e, por outra, da súa recepción polos tribunais españois. 

O obxecto de estudo desta actividade formativa foi dobre: primeiro, a prohibición de discriminación entre o persoal funcionario de carreira e o persoal funcionario interino, especificando os elementos do réxime xurídico dese persoal que foron recoñecidos a este pola xurisprudencia, pero tamén polo lexislador e a Administración. 

O segundo obxecto do webinario organizado pola EGAP foi analizar as medidas preventivas e reactivas ante as relacións funcionariais interinas, prestando particular atención á visión dos tribunais, tanto sobre os procesos de estabilización como da reivindicación da conversión da relación interina en fixa.