A EGAP analiza nun curso monográfico as técnicas de modulación competencial para mellorar a xestión pública
- A Escola Galega de Administración Pública clausurou o curso monográfico A Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa: manual para a desconcentración, delegación, avocación, encomenda e suplencia
- A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia desta actividade formativa para axilizar o funcionamento da Administración, incrementar a eficacia da súa actuación e achegar a xestión pública á cidadanía
- O curso monográfico, que tivo unha duración de dous días, foi impartido polo conselleiro técnico da Dirección Xeral de Planificación de Recursos Humanos da Área de Economía, Innovación e Facenda do Concello de Madrid, Joaquín Meseguer Yebra
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024.- A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, clausurou esta mañá o curso monográfico A Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa: manual para a desconcentración, delegación, avocación, encomenda e suplencia, que se celebrou durante dous días na Escola.
O curso monográfico foi impartido polo conselleiro técnico da Dirección Xeral de Planificación de Recursos Humanos da Área de Economía, Innovación e Facenda do Concello de Madrid, Joaquín Meseguer Yebra.
Durante a clausura, a directora da EGAP destacou a importancia desta actividade, que permitiu achegar aos empregados públicos o uso das distintas técnicas de modulación competencial para facer á Administración máis eficiente, evitar a acumulación das competencias nunha soa autoridade, mellorar a xestión pública e incrementar a eficiencia da actividade administrativa.
Cunha duración de doce horas, o curso tivo como principais obxectivos estudar os elementos que integran a competencia administrativa de acordo coa Lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, competencia que é exercida polos órganos que as teñen atribuidas. Esta norma regula os principios de actuación, funcionamento e estrutura das Administracións Públicas e confígurase como un fito importante e a parte central do Dereito Administrativo.
Na actividade formativa analizáronse, tanto a nivel teórico como práctico, as distintas técnicas de modulación competencial administrativa e o seu réxime xurídico, que permiten flexibilizar o principio de irrenunciabilidade da competencia como son a desconcentración, a delegación interorgánica, a avocación, a encomenda de xestión, a delegación de firma e a suplencia. Estas figuras teñen como finalidade axilizar o funcionamento da Administración Pública, incrementar a eficacia da súa actuación e achegar a xestión pública á cidadania.
As técnicas de modulación competencial permiten unha Administración máis áxil e axustada ás demandas da cidadanía xa que, ao distribuír as competencias de xeito máis eficiente, as decisións tomaranse máis preto do cidadán, promovendo así unha resposta máis rápida e un mellor servizo público.
Ademais, durante o curso monográfico examináronse tamén os vicios que poden afectar aos actos derivados dun defecto competencial e as súas consecuencias.
De xeito máis específico, estudáronse situacións concretas que pode xerar a actividade administrativa cotiá e que poden facer conveniente o uso destas técnicas, en especial, a delegación, a encomenda de xestión e a suplencia.