A economía galega medrou un 2,9% no cuarto trimestre de 2024 en relación ao mesmo período do ano anterior

- O PIB galego creceu un 0,8% en relación ao terceiro trimestre do ano e un 2,8% no conxunto do ano pasado
- O emprego medrou un 1,0%, cun incremento de 10.577 postos de traballo en relación ao mesmo trimestre de 2023
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2025.- A economía galega medrou un 2,9% no cuarto trimestre de 2024 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información da contabilidade trimestral referente a este período, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En canto á evolución intertrimestral, de setembro a decembro de 2024 o PIB autonómico aumentou un 0,8%, mentres que o ano se pechou cun crecemento do 2,8%.
Desde o punto de vista da demanda, a formación bruta de capital aumentou un 3,8% e as exportacións de bens e servizos presentan unha taxa interanual do 3,7%. As importacións suben un 1,7%, o mesmo que medra a demanda interna e o gasto en consumo final chega ao 1,4%. No que respecta á oferta, a construción medrou un 6,0%; o sector primario un 1,8% e os servizos un 3,7%, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (5,8%).
Crecemento do emprego
Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no cuarto trimestre un 1,0%, o que supón un incremento de 10.577 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
Por ramas de actividade, o emprego creceu un 1,4% no sector servizos e un 1,0% na construción, mentres que na industria se rexistra un aumento do 0,9% e no sector primario unha diminución do 3,3%.