A débeda pública de Galicia representa só un 3,55% da débeda do conxunto das CC.AA., o mellor dato da historia

- Galicia é a Comunidade Autónoma que máis reduciu a súa débeda ao peche de 2024
- O secretario xeral Técnico e do Tesouro compareceu a petición propia na Comisión 3ª do Parlamento para explicar a situación da débeda galega ao peche de 2024
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025.- A débeda pública de Galicia representa só 3,55% do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, Galicia é a Comunidade Autónoma que máis reduciu a súa débeda ao peche do exercicio 2024, 234 millóns de euros menos que a finais de 2023. Deste xeito, a débeda de Galicia sitúase no 14,5% do PIB, fronte ao 21,1% da media autonómica.
O secretario xeral Técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe a petición propia na Comisión 3ª do Parlamento para dar conta do endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do exercicio de 2024.
David Cabañó explicou que os datos do Banco de España poñen de manifesto que a débeda de Galicia é 6,6 puntos menor que a media das comunidades o que “se facemos o exercicio de converter eses puntos en millóns” significa entre 5.400 e 5.500 millóns de euros menos que a media, “1.500 millóns máis que a quita da débeda” que ofrece o Goberno central e que é débeda que Galicia non chegou a emitir, aforrando 85 M€ ao ano en xuros.
Menos débeda que no 2012
Para o secretario xeral Técnico de Facenda, os datos poñen de manifesto que Galicia continúa na senda da redución do endebedamento, estando as cifras de 2024 por baixo dos niveis de 2012. Galicia é unha comunidade “responsable e prudente na xestión do seu endebedamento”, concluíu David Cabañó, que quixo deixar claro que “as galegas e os galegos non temos na débeda un problema de sustentabilidade financeira”.