A Conta Xeral ratifica que en 2025 Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e débeda fixados no seu orzamento
- A Comunidade galega rematou o exercicio cun saldo fiscal positivo do 0,19% do PIB, cumprindo co obxectivo recollido no orzamento
- Galicia pechou o ano cunha taxa de endebedamento do 13,9% sobre o PIB
- Un ano máis o esforzo investidor da Xunta alcanzou o 14,6% e un aforro bruto de 1.360 millóns de euros
- En 2025, a Xunta acadou unha execución do orzamento de gasto non financeiro do 97,4%, o que implica un gasto preto de 655 M€ superior ao exercicio 2024, en termos homoxeneizados
- Este saldo fiscal positivo permitirá que a Xunta poida executar investimentos financeiramente sostibles durante os anos 2026 e 2027, ao igual que aconteceu co saldo positivo de 191M € do ano 2024
- A Conta Xeral incorpora varias melloras, en liña coas recomendacións realizadas polo Consello de Contas
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026.- O Consello da Xunta aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2025, que mostra que Galicia “cumpriu os obxectivos de déficit e de débeda pública recollidos no seu orzamento”.
O documento presentado hoxe polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, mostra que o Goberno galego pechou o exercicio cun saldo fiscal positivo do 0,19% do PIB e cunha taxa de endebedamento do 13,9%.
Os datos definitivos amosan que Galicia pechou o 2025 cunha execución do orzamento consolidado do 97,4%; un saldo fiscal positivo de 167M€, o que representa o 0,19% do PIB; e un esforzo investidor do 14,6%.
Este saldo fiscal positivo permitirá que a Xunta poida executar investimentos financeiramente sostibles durante os anos 2026 e 2027, ao igual que aconteceu co saldo positivo de 191M € do ano 2024.
Período medio de pago
Na Conta Xeral pódese apreciar que Galicia non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos de déficit e de débeda, senón que tamén foi unha das que liderou o tempo de pago a provedores. En concreto, rematou o 2025 cun período medio de pago de 15,61 días, fronte aos 26,13 de media das comunidades autónomas. Desta forma, a Xunta de Galicia, un exercicio máis, é quen de compatibilizar altos niveis de execución con grandes esforzos investidores e un áxil pagamento aos provedores.
Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas é o aforro bruto, medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes. Este indicador mostra que as finanzas galegas reservan en torno 1.360M€ dos seus ingresos correntes para financiar operacións de capital que contribúen á mellora económica de Galicia no medio prazo.
En canto ao esforzo investidor, o ano pasado Galicia destinou o 14,6% do total do gasto non financeiro a investimentos.
Con estes indicadores, o Executivo galego reafirma a súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración.
A Conta Xeral inclúe varias melloras, na dirección indicada polo Consello de Contas nas súas recomendacións. Destacando melloras no ámbito da información do Servizo Galego de Saúde, melloras na información consolidada do sector público autonómico. Ademais inclúe un apartado novo con información do “gasto verde” na Administración Xeral, que detalla o gasto executado no Eixo 2 “Galicia é verde e sostible” do PEG 22-30.
A Xunta de Galicia remitirá agora a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor.