Volver ao contido

Notas de prensa Notas de prensa

Atrás

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca novas probas para obter a Certificación galega de competencias dixitais nos niveis de iniciación e intermedio

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca novas probas para obter a Certificación galega de competencias dixitais nos niveis de iniciación e intermedio

  • As inscricións para a primeira convocatoria poden realizarse desde o vindeiro luns, 19 de xaneiro
  • Esta certificación acredita o nivel de competencia das persoas na utilización das tecnoloxías dixitais no eido persoal, social e profesional

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia tres convocatorias para obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), que terán lugar no primeiro semestre de 2026.

A primeira convocatoria para o nivel de iniciación abre o período de inscricións o vindeiro luns 19, mentres que a segunda convocatoria deste mesmo nivel comezará o período de inscricións en maio. Para o nivel intermedio hai prevista unha convocatoria á que se poderán inscribir as persoas interesadas en marzo.  

Na páxina web da Rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal) actualizaranse periodicamente as aulas da rede, as datas e as quendas específicas de cada centro participante nestas probas.
As persoas interesadas poderanse inscribir nun sistema automático que lles informará mediante un correo electrónico da apertura dos prazos de inscrición e a posibilidade de iniciar a tramitación da súa solicitude.

Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nos listados de espera.

Estas convocatorias están abertas a toda a cidadanía e teñen como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto de forma persoal como social ou profesional.

Contidos online e avaliación
Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT (https://formacion-cemit.xunta.gal) pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais.

Para obter o certificado ComDix de Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.